Novas

Comeza Bergondo Participa, un proceso de participación veciñal dirixido á elaboración do PXOM de Bergondo

O próximo luns 16 de marzo, no Centro Cultural A Senra, terá lugar a presentación e comezo oficial dun proxecto que busca dar a coñecer e implicar á veciñanza de Bergondo na definición do Plan Xeral de Ordenación Municipal.

Bergondo, 11 de marzo de 2015.- Bergondo Participa é a denominación escollida para o proxecto de participación veciñal que dará comezo o próximo luns 16 de marzo ás 19:30 no Centro Cultural da Senra, nun acto aberto a toda a veciñanza interesada polo futuro do seu territorio. No mesmo, contarase coa presencia de Alejandra Pérez Márquez, Alcaldesa de Bergondo e de Roberto Chao Gavilán, Arquitecto Municipal, que presentarán o proxecto xunto co equipo de urbanistas e persoal técnico a cargo da elaboración do PXOM e do desenvolvemento do proxecto.

Este acto preséntase como unha boa oportunidade para a participación activa de toda a veciñanza interesada, creando un espazo no que poderán informarse acerca dos traballos a realizar, e mesmo consultar as súas dúbidas ao equipo redactor do Plan.

O equipo encargado da elaboración do mesmo, formado por JORNET LLOP PASTOR Arquitectes, María Ríos Carballeira e Gabriel Jubete i Andreu, xunto co equipo multidisciplinar que colaborará no proceso de participación pública, acumula unha ampla experiencia no ámbito do planeamento urbanístico, sempre incorporando ao seu traballo unha innovadora metodoloxía de participación.

Na súa presentación, ademais de revisar cal é a situación de partida en materia urbanística do Concello de Bergondo, explicarán as distintas ferramentas de participación postas a disposición de veciños e veciñas, deseñadas co obxectivo de recoller as súas achegas en relación a mellora e ordenación do territorio.

Con este obxectivo en mente, o Concello pretende que a cidadanía sexa unha parte activa na elaboración de documentos fundamentais para a evolución do seu territorio.

De este xeito, tanto a través de presentacións nas diferentes parroquias, como enviando dúbidas e propostas á dirección de correo info@bergondoparticipa.es , ou ben por medio da páxina web www.bergondoparticipa.es e as redes sociais (Facebook e Twitter) postas en marcha, o equipo técnico será quen de recibir e avaliar as achegas da veciñanza, ao mesmo tempo que poderá ir informando dos avances na redacción do Plan.




Contacto

Contacta

Con este formulario, a través de presentacións nas diferentes parroquias, ou enviando dúbidas e propostas á dirección de correo info@bergondoparticipa.es e as redes sociais (Facebook e Twitter) postas en marcha, o equipo técnico será quen de recibir e avaliar as achegas da veciñanza, ao mesmo tempo que poderá ir informando dos avances na redacción do Plan.