Que é Bergondo Participa

Co traballo que imos comezar procuraremos que a redacción do PXOM, máis aló das consideracións de carácter técnico, recolla e reflicta a vontade da cidadanía en relación ao futuro do seu municipio. Precisamente por iso, resulta absolutamente necesaria a vosa implicación activa. Para descubrir e dar resposta ás necesidades colectivas, a redacción do PXOM contará cun proceso de diálogo, debate e intercambio de opinións entre as distintas agrupacións, entidades e veciñas e veciños que conforman o tecido social do municipio. A este proceso chamámoslle BERGONDO PARTICIPA.
O planeamento dun proceso participativo destas características, xurde a partir da constatación das seguintes necesidades básicas:
Dar a coñecer, informar e explicar ao conxunto da cidadanía, en que consiste un Plan Xeral, para que se emprega, e cales son as súas funcións, dunha forma clara e sinxela.
Facer partícipe ao conxunto da veciñanza de Bergondo na elaboración deste documento que marca as pautas do futuro urbanístico do Concello.
Deste xeito, e englobadas baixo a denominación BERGONDO PARTICIPA estamos a deseñar distintas ferramentas e recursos, que facilitarán a vosa implicación e participación neste proceso de elaboración conxunta, proporcionando información e criterios para a análise.
Esta mesma páxina web, está deseñada coa intención de ser unha plataforma aberta de intercambio e comunicación entre o equipo técnico, o Concello e a veciñanza.